Thursday 18 de April de 2024

Un dueto de violonchelo e piano homenaxea este domingo á figura do coruñés Andrés Gaos no Teatro Colón


O proxecto musical conta co apoio do Concello da Coruña a través do programa de axudas PRESCO á creación artística

Este domingo 19 de febreiro o Teatro Colón acollerá un recital do dueto de violonchelo e piano formado por Carolina Landriscini e Damián Hernández. Será un concerto moi especial, pois servirá para render homenaxe á figura do ilustre compositor e violinista coruñés Andrés Gaos.

‘O violonchelo en tempos de Gaos’ é un proxecto que aborda algunhas das obras para violonchelo e piano escritas nas dúas primeiras décadas do século XX por Andrés Gaos. Toma como punto de partida as contribucións do célebre coruñés e acompaña as pezas con obras escritas por outros compositores contemporáneos.

O recital contará con obras de Bridge, Granados, Kodaly, N. Boulanger e Andrés Gaos. O traballo de Carolina Landriscini e Damián Hernández foi editado en formato CD e acadou unha moi boa acollida por parte da crítica. Agora, tras unha espera provocada polas restricións sanitarias, presentarán á cidade o traballo en homenaxe a Andrés Gaos.

A actuación comezará ás 12.30 horas e o prezo dos billetes vai desde os 10 euros. Este proxecto contou co apoio do Concello da Coruña a través do programa de axudas á creación artística do PRESCO. O obxectivo destas axudas aprobadas polo Goberno de Inés Rey foi o de impulsar a reactivación dos diferentes sectores da cidade afectados pola crise sanitaria da COVID-19.